Que é a REGAM?
A REde Galega de seguimento AMbiental (REGAM) é unha Rede de Seguimento, posta en marcha no 2013, promovida polo Grupo GEAS, a Asociación SUSTINEA e a Asociación Ecoloxista ADEGA.
Os obxectivos da REGAM, son :
- Establecer indicadores ambientais, de xeito "non oficial", a través de
- protocolos de traballo estandarizados,
- distribuidos ao longo do país,
- abertos á participación (particulares, asociacións, concellos, ...), que permitan
- controlar os cambios ambientais a longo prazo
- posibilidade de incluírse en redes maiores.
Ademáis, os resultados obtidos durante á realización destes seguimentos serán de utilidade para a actualización, dinámica e participativa, dos inventarios galegos de biodiversidade existentes.
Para acadar estes obxectivos, calquera asociacón, colectivo, ou grupo de persoas interesadas, pode participar nas estacións REGAM existentes, ou ben por en marcha unha estación de seguimento no seu entorno, nas que poderá aplicar un ou máis dos protocolos dispoñibles.
Estes protocolos son achegas metodolóxicas das entidades participantes, ou ben adaptacións ou préstamos de metodoloxías desenvolvidas noutros lugares. Calquera colaborador pode propor novos protocolos para a súa inclusión na listaxe.
Se queres colaborar podes escribir un mail a regamse@gmail.com e trataremos de contestarte axiña.
Conceptos
Que é un seguimento?
Un seguimento é un proceso de observación repetida no espacio e no tempo, dun ou máis elementos do medio, a través de protocolos preestablecidos e mediante o uso de métodos de obtención de datos comparables. Podemos atopar seguimentos xerais como os atlas dinámicos. Ou específicos para a observación dun proceso concreto ou unha especie ou grupo concretos.
Que é un inventario?
Un inventario é a forma máis directa de recoñecer a biodiversidade dun lugar, é dicir, que elementos a compoñen, como se organizan, como interactúan, etc. En Galicia, salvo grupos moi concretos o coñecemento sobre a biodiversidade en xeral e practicamente inexistente. De feito, os inventarios actuais son escasos, pouco sistemáticos e incompletos.
Que é unha rede de seguimento?
Unha rede de seguimento é un conxunto de estacións de mostraxe nas que se realizan, de xeito coordinado, unha serie de protocolos estandarizados de seguimento ambiental. Con motivo do escenario de Cambio Global no que nos atopamos xorden as Redes de seguimento de cambio global.